Wednesday 01 de May de 2024

Moeche celebrará a sétima edición da Feira da Faba o próximo 14 de outubro


Como anticipo da cita, o Concello asistirá como convidado á Feira da Faba de Lourenzá que se celebra esta fin de semana

 

Falta xa moi pouco tempo para que Moeche volva renderlle tributo ás fabas, por tradición un dos produtos estrela do outono no noso concello. De feito, as feiras deste tempo eran referencia en toda a volta para vir mercar fabas de todas as castes e tamaños, ben de cultivo local ou ben traídas por comerciantes de fóra. O Concello de Moeche organiza o sábado 14 de outubro a VII Feira da Faba co obxectivo de promocionar a plantación deste legume, que é unha opción ben interesante para diversificar e complementar a rendibilidade das actividades agrogandeiras. O programa feiral está practicamente pechado e, como novidade, concentrarase entre as 10:00 e as 14:30h para coincidir co desenvolvemento do mercado dos sábados. Por iso, por cadrar co mercado, na nave de San Ramón atoparemos todo tipo de produtos frescos e elaborados -queixos, pan, verdura, doces, froita…- e, principalmente, fabas da máxima calidade traídas por pequenas explotacións da zona e doutras partes de Galicia.

Como anticipo da cita, o Concello acudirá esta fin de semana como convidado á 31ª edición da Feira da Faba que se celebrará na vila luguesa de Lourenzá. Alí instalarase un expositor turístico con material informativo sobre o territorio e sobre os produtos e iniciativas de desenvolvemento local que se están levando a cabo, nomeadamente o Xeoparque do Cabo Ortegal e o centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla.

A participación nesta feira monográfica, a máis importante de Galicia, “será unha moi boa oportunidade de seguir dando a coñecer a nosa feira e os proxectos que temos en marcha centrados na xeración de oportunidades para o rural”, comenta Beatriz Bascoy, quen irá a Lourenzá acompañada da concelleira e deputada provincial Cristina García.

Dúas semanas despois, a VII Feira da Faba de Moeche volverá xuntar os postos habituais do mercado cos especializados no legume, que traerán produto de múltiples variedades para exposición e venda. Como vén sendo habitual en todas as edicións, a do próximo 14 de outubro complementarase con música e outras actividades para todas as idades.

Entre as máis destacadas cóntanse un showcooking coa faba como ingrediente principal, o sorteo de lotes de produtos, a inauguración da exposición fotográfica “Imaxes doutro tempo” (que ten aberto o prazo de recollida de fotos até o 6 de outubro), o concurso de debagado de fabas e a degustación a prezos populares das gorentosas e abundantes racións de fabada preparada pola AVV de Labacengos.

Para a cativería abrirase a media mañá o circuíto de educación viaria coordinado polo grupo infantil do Consello Local da Infancia e a Adolescencia e ofrecerase un obradoiro de decoración de cascos, sen contar con que as nenas e nenos tamén poderán participar no concurso de desbagullado.

O programa completo, pendente de pechar pequenos detalles, será o seguinte:

10:00h Apertura dos postos de exposición e venda de faba, ademais dos habituais de todos os
sábados con produtos locais e artesanía.
11:30h Apertura do circuíto de educación viaria para a rapazada.
12:00h Showcooking con receitas elaboradas con distintos tipos de faba. (Inscricións na propia feira)
12:30h Actuación da charanga Brassica Rapa (a través do programa Dinamiz-Artj)
12:30h Inicio da degustación de fabada
13:15h Inauguración da exposición de fotografía en feminino “Imaxes doutro tempo” con motivo
do Día Internacional da Muller Rural, que se celebra o domingo 15 de outubro.
13:30h Concurso de debagado de fabas para persoas adultas e rapazada.
14:00h Sorteo de lotes de produto da feira. Os boletos entregaranse de balde con cada compra efectuada ao longo da mañá.
14:30h Clausura da feira

Nesta sétima edición da feira das fabas de Moeche, o Concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña, do programa Dinamiz-Artj e da AVV de Labacengos.